Silencio e apoio á familia da vítima nas concentracións en repulsa do crime de Becerreá

As mostras de condena e repulsa ao asesinato de Ana Gómez, veciña de Becerreá e nacida en Pedrafita do Cebreiro, multiplicáronse por toda a provincia. Este mediodía tiveron lugar concentracións silenciosas tanto no concello dos Ancares onde tivo lugar a agresión, así como en Pedrafita ou Lugo entre outras.

No caso do acto de Becerreá, acudiron numerosos veciños, así como representantes políticos municipais, como é o caso do alcalde, Manuel Martínez ou o tenente de alcalde, Claudio Vázquez, que foi o que recibiu a chamada do presunto autor confesando os feitos. Ademais asistiron personalidades doutras administracións, entre eles o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, o presidente da Deputación, Darío Campos ou a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

Todos eles coincidiron en amosar o seu rexeitamento e o das institucións ás que representan a calquera forma de violencia contra as mulleres e transmitiron as súas condolencias á familia. Ramón Carballo quixo aproveitar tamén para facer un chamamento “a todas as mulleres que poidan estar pasando por situacións de agresión ou de maltrato a que o denuncien” e lembrou que o teléfono 016 é gratuíto e non deixa rastro na factura. Unha chamada que “permitirá que as administración poñamos en funcionamento os protocolos e evitar que se repitan estes actos”.

Un chamamento ás vítimas pero tamén “ás familias, veciños ou amigos, que son os que moitas veces se percatan da situación e tamén poden denunciar”. Carballo expresou ademais as súas condolencias á familia da muller asasinada, “veciña miña de Pedrafita”.

Tres días de loito

A Deputación decretou tres días de loito oficial, dende as 9 horas de hoxe ata o luns día 15 á mesma hora. Durante este período suspendéronse todos os actos públicos oficiais da institución. Ademais, a bandeira provincial exterior de todos os edificios dependentes da administración provincial ondearán a media hasta. Tamén o Concello de Becerreá decretou tres días de loito.

Do mesmo xeito o presidente da Deputación fixo unha declaración institucional na que ademais de expresar “a nosa máis enérxica repulsa e condena” aos feitos, “denunciou que “a violencia de xénero constitúe unha grave violación dos dereitos humanos, derivada da desigualdade estrutural entre mulleres e homes na que se asenta a sociedade actual”. Darío Campos apela á “colaboración de todos, administracións, corpos de seguridade do Estado, educación, pais, nais… para poñer punto e final á barbarie da violencia machista”.

O presidente tamén quixo amosar o apoio da institución á familia da falecida, “especialmente aos seus fillos, aos seus amigos e ao seu entorno e transmitímoslles o noso mais profundo pésame e condolencias ante este execrable acto”, desexando tamén “unha pronta recuperación ao fillo da falecida”, que resultou ferido mentres presenciaba o asesinato.

Concentración en Lugo

A corporación da cidade lucense gardou un minuto de silencio fronte á Casa do Concello cando soaban as 12 en punto do mediodía. A alcaldesa, Lara Méndez, concelleiros de todos os grupos políticos e deputados provinciais secundaron este acto de “rexeitamento a esta lacra social”, tal e como aseguraba Méndez.

“Son 9 mulleres as que morreron en mans das súas parellas no que vai de ano” dixo a rexedora, lembrando tamén que no último pleno a corporación xa fixera un acto simbólico de repulsa á violencia machista “porque nos parecía unha cifra moi elevada iniciando o ano”. Méndez convidaba a todas as administración a facer “unha reflexión e pensar en que estamos fallando, esta situación é alarmante, e temos que poñer freo a esta lacra social que vivimos en primeira persoa as mulleres”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com