Logo de 15 días infernais para os candidatos, por fin! chega o merecido descanso. Atrás quedaron as xornadas esgotadoras dende primeiras horas ata ben entrada a noite, a afonía, os sobresaltos informativos…
Agora é o tempo dos/as votantes. É o tempo de interiorizar ese torrente de información que se nos votou enriba para, logo de clasificala, diseccionala e filtrala, atopar a resposta acaída que nos oriente en que dirección debemos emitir o voto.
A cousa, non os vou enganar, está que arde. Neste intre é cando os/as políticos/as deben conter a respiración, porque a cousa pinta complicada para despois do 24. E aínda que puidera parecer que todo segue igual que hai catro ou oito anos, con dúas únicas opcións para acadar a alcaldía, as dúas, por certo, dos vellos partidos, non se nos debe pasar por alto que hai un segundo escenario, a loita tamén entre as vellas e as novas formacións políticas. Ese escenario de enfrontamento entre dous xeitos de concibir e facer política terá no futuro inmediato e sobre todo no horizonte das xerais e autonómicas galegas unha incidencia determinante.
Nun contexto de crise como o que estamos a vivir, financeira, económica, social e mesmo de valores, sobre un fondo de precariedade e necesidade, onde as mozas e mozos soportan o peso máis grande dende o punto de vista do emprego, o voto xuvenil vai ser esencial a hora de acadar os obxectivos que as diferentes opcións políticas se teñen plantexado. E segundo os sociólogos que estes días están a traballar nas consultas demoscópicas, hai unha forte mobilización política da mocidade, conscientes de que este é un momento crucial para o seu futuro. Polo que mañá saberemos como os/as electores/as elixen entre o statu quo e a solvencia do vello diante o empuxe e a ilusión do novo.
Eloi Caldeiro.