Representantes de todas as centrais sindicais con representación no sector da seguridade privada realizaron esta mañá un acto de protesta diante do Concello de Lugo para denunciar a contratación por parte do Goberno local de empresas que “incumpren os convenios que garanten os dereitos do traballadores en materia salarial e social”.
Entre esas empresas, segundo denuncian, atópase a encargada da seguridade no Arde Lucus e a encargada destas funcións no Fogar do Transeúnte e no CEI-Nodus. A este respecto, as centrais sindicais lembran que existe un acordo plenario que obriga a ter en conta as cláusulas sociais das empresas ademais dos criterios económicos.
Dende o Goberno local defenden que no caso da empresa encargada da seguridade do Arde Lucus, ao tratarse dun contrato menor (de menos de 18 mil euros) non é posible incluír cláusulas sociais. Con todo, o voceiro do Goberno local aclarou que si obrigaron á empresa a asinar un compromiso polo que se acolle ao convenio colectivo estatal.