O persoal da Inspección de Traballo e Seguridade Social está convocado a mobilizarse mañá, martes, en todo o Estado. Esta concentración, que na capital lucense terá lugar na Rolda da Muralla, será a antesala dunha xornada de folga prevista para finais deste mes. Estas proteestas están promovidas por varios sindicatos, CCOO entre eles, ante certos “incumprimentos” que denuncian por parte do Goberno do Estado.
Así, logo de oito meses de espera, denuncian que o Executivo central “non cumpre” o acordo adoptado o 7 de xullo de 2021 no que se recollían unha serie de medidas fundamentais para salvar o funcionamento da Inspección de Traballo e Seguridade Social que, segundo critican, “padece unha acumulación de eivas que colocan a súa actividade ao bordo do fracaso”.
Entre outras cuestións, as forzas sindicais denuncian falta de persoal, de recursos técnicos e materiais. Asemade, critican que “non hai un recoñecemento ao esforzo do seu persoal, sen cuxa colaboración non se salvaría o funcionamento da institución nos últimos anos”.
Os sindicatos afirman asemade que, pasados oito meses, xa non poden agardar máis e amosan a súa sorpresa pola “debilidade” dos máximos responsables do Ministerio de Traballo e Economía Social, que “renuncian a defender un acordo que foi subscrito por eles, avalado pola propia ministra e que responde a un diagnóstico compartido, apra buscar as solucións necesarias na Inspección de Traballo e Economía Social.
A ITSS conta cun cadro de persoal en Galicia de 261 persoas entre inspectores de traballo, subinspectores e o correspondente persoal laboral e persoal técnico-administrativo. Por provincias, en Lugo hay 35 traballadores, polos 101 da Coruña, 87 en Pontevedra e 38 en Ourense.
Así, no día de mañá realizarán concentracións diante das sedes provinciais da ITSS entre as 12 e as 12.30 horas. Así, en Lugo terá lugar na Rolda da Muralla, 58.