O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, presidiu esta mañá a reunión da Comisión provincial de Tráfico e Seguridade Vial na que se presentou e analizou o balance de sinistralidade correspondente ao ano 2016, que reflicte un repunte de vítimas mortais nas estradas lucenses con respecto ao ano anterior.
Así, en 2016 houbo que lamentar nas vías interurbanas da provincia un total de 25 accidentes mortais nos que faleceron 27 persoas, o que supón 10 vítimas máis que en 2015. A pesares dese repunte no número de falecidos, o certo é que ao longo da última década a sinistralidade mantén unha tendencia á baixa nas estradas de Lugo.
No que vai deste ano, rexistráronse catro falecidos en sinistros nas vías interurbanas lucenses, oito menos que no mesmo período do ano anterior. Estes datos sitúan á provincia á cabeza de España en canto a baixada do número de accidentes mortais na presente anualidade.
Na xuntanza desta mañá, a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, fixo unha análise pormenorizada dos accidentes mortais rexistrados na provincia ao longo do pasado ano. Neste senso, lembrou que máis do 85% deses sinistros mortais se rexistraron en vías convencionais (con 23 falecidos) e o resto en autovías. En canto a o tipo de accidente, a meirande parte dos sinistros mortais foron saídas de vía (con 14 vítimas), seguidos das colisións frontais (6) e as colisións laterais ou frontolaterais (4). Boa parte dos falecidos viaxaban en turismo (18), seguidos dos que viaxaban en furgonetas (3) e motocicletas (2). No encontro subliñouse que o ano pasado non houbo que lamentar ningún atropelo mortal nas vías interurbanas lucenses.
Entre outros datos, a Comisión lembrou tamén que as causas máis habituais dos accidentes rexistrados en Lugo durante o pasado ano foron a conducción distraída e o exceso de velocidade, ademais de amosar a súa preocupación porque 6 das 27 vítimas mortais, non facían uso do cinto de seguridade.