O SLG pide ao Concello de Pol as máximas bonificacións no IBI para vivendas e granxas

O Sindicato Labrego Galego (SLG) convocou para mañá, 1 de febreiro, dúas asembleas en Pol para informar á veciñanza sobre as consecuencias do proceso de revisión catastral que viviu o municipio no período que foi do 23 de decembro de 2014 ao 30 de marzo de 2016. As asembleas terán lugar no centro socio-cultural de Mosteiro, a primeira ás 12:00 e a segunda ás 21:00 horas.

Ademais, durante as últimas semanas, a organización agraria levou a cabo unha campaña de recollida de sinaturas para pedirlle ao concello unha serie de demandas en relación co Imposto de Bens Inmobles (IBI). Entre elas destaca  a petición de compromiso para que non se cobren os atrasos deste gravamen para construcións das explotacións agrarias e gandeiras ou modificar as ordenanzas fiscais para que se apliquen as exencións e bonificacións máximas que permite a Lei de Facendas Locais para as vivendas do rural e as construcións agrarias. Particularmente, que se bonifiquen co 95% os bens inmobles adicados á actividade agrogandeira (téñase en conta que moitos destes bens comparten referencia catastral coa propia vivenda).

Asemade, o SLG pediu tamén unha reunión cos responsables municipais para tratar o tema.

Para o Sindicato Labrego Galego, a revisión catastral -máis coñecida como catastrazo– está a ter un forte impacto nas economías familiares de Pol. Ademais de ter que pagar unhas taxas de 60 € por cada ben regularizado, decotío establécense uns valores catastrais superiores ao valor real do inmoble, o que repercute nun incremento do IBI e ten consecuencias indirectas como a perda de bolsas de estudos ou outro tipo de axudas polo incremento patrimonial da familia.

Ademais, moitas destas regularizacións de bens inmobles son inxustas, xa que moitas vivendas e instalacións agrarias que agora se “regularizan”, en realidade, segundo indica o SLG, xa o estaban, pois no seu día se acolleron ao proceso de regularización acometido en aplicación da Disposición Transitoria 11a da Lei de Ordenación Urbanística e de Protección do Medio Rural de Galicia. Os procesos de obtención de licenza, ademais de demostrar a clara vontade de facer todo conforme á lei por parte das familias afectadas, tamén supuxeron gastos extraordinarios que non deberían repetirse.

En canto ás bonificacións que o Sindicato Labrego Galego pide para o IBI, trátase de competencias municipais que xa foron adoptadas por outros concellos eminentemente rurais e cun grande peso das actividades agrogandeiras na súa economía, como é o caso que nos ocupa. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com