O Sindicato Labrego Galego rexeita o convenio marco sobre reemprego de grans para sementeira, asinado recentemente polo Ministerio de Agricultura, a Asociación de Obtentores Vexetais (ANOVE, lobby da industria das sementes) e organizacións agrarias como UPA e Asaja. “Resulta inaceptable que o Ministerio de Agricultura e dous sindicatos do agro acepten que un grupo de empresas privadas cobren por un ben común que é patrimonio da humanidade, como as sementes, que foron melloradas durante séculos, xeración tras xeración, polas familias labregas. Así, as empresas sementeiras van cobrar por un patrimonio da humanidade, cando debería ser ao revés: ser elas as que paguen aos labregos e labregas por poder utilizar ese patrimonio para crear as súas patentes”.
Este convenio tamén atopou o rexeitamento da Rede Galega de Sementes (RGS), que dixo deste del que “concede un maior control á industria sementeira sobre a produción de alimentos, neste caso de cereais e oleaxinosas; e aprovéitase de recursos públicos, coa conivencia da administración, para aumentar o seu poder económico”.
Polo tantodende o SLG, “non aceptamos que se nos vaia cobrar aos labregos e labregas un novo imposto por producir sementes a partir de grans certificados que mercamos e cultivamos. Cómpre lembrar que as sementes certificadas teñen un alto custe que triplica o prezo do gran, polo que consideramos que nese sobreprezo debe estar incluído o dereito dos labregos e labregas a reutilizar parte do apañado como semente en posteriores campañas sen un custe adicional. Porén, o convenio asinado esta semana obriga a pagar 12 euros por tonelada de gran reempregado, ou unha taxa entre 1 e 3 euros por hectárea cultivada. Este canon deberá pagarse anualmente durante un período de 25 anos”.
Batalla xurídica
Dende o Sindicato Labrego Galego queremos expresar as nosas dúbidas sobre os fundamentos xurídicos nos que se basea este convenio de discutible legalidade. Agora mesmo, os nosos servizos xurídicos están a estudar o texto para dilucidar se é conforme a dereito. En caso contrario, iniciaremos accións xudiciais contra a súa aprobación.
Por outra banda, e mentres o convenio siga en vigor, dende o Sindicato Labrego Galego poñemos o noso departamento xurídico ao servizo dos labregos e labregas aos que se lles pretenda cobrar este novo imposto privado para defenderse dos posibles abusos das empresas.