A provincia de Lugo baixa dos 300 casos activos, por primeira vez dende o pasado 6 de xullo cando a provincia amosaba 284 infeccións e todos os baremos ían aumentando a pasos axigantados día si, día tamén.
Así, segundo os datos recollidos polo SERGAS ata as 6 da tarde de onte, Lugo rexistra 296 casos activos, 26 casos menos que na xornada anterior. Un descenso que vén dado, en gran parte, polo baixo nivel de positividade que se está a dar. E é que, na última xornada, tan só se rexistraron 7 positivos en probas diagnósticas, moi na liña da xornada anterior que se rexistraban 6 e lonxe dos 20 do mércores.
Tamén cabe resaltar a presión asistencial con 10 pacientes covid en plantas de hospitalización (tres menos que na xornada anterior) e 2 na UCI do Hula. Por hospitais, o Lucus Augusti conta con 3 ingresados en planta positivos en Covid19 e o Hospital da Mariña, con un. Con todo, o Hospital de Monforte continúa a ser o que máis pacientes rexistra con 6 casos en planta.
Baixan os positivos e suben as altas médicas, nas últimas horas Lugo acadou as 19.319 persoas curadas; mentres que na pasada xornada non rexistrou ningún falecemento quedando esta cifra nos 247.