O Grupo Municipal Socialista de Monterroso defenderá unha moción urxente no Pleno, coa que esixe á Xunta de Galicia, que dote de persoal á Oficina Agraria Comarcal de Monterroso para atender ao todos os usuarios e usuarias desta contorna, xa que, denuncian, leva pechada dende fai máis dun mes.
A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero avanzou ademais, que rexistrará unha batería de iniciativas no Parlamento para reclamar a continuidade deste servizo. Nesa liña remarcou que “o Grupo Socialista dos Concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei e Portomarín, afectadas tamén polo peche desta Oficina, defenderán unha iniciativa en cada Concello reclamando a continuidade do servizo”.
Así as cousas, os Socialistas de Monterroso denuncian que “tal e como se pode comprobar nas propias instalacións da Cámara Agraria da vila, os usuarios deste servizo teñen que desprazarse a Lugo para ser atendidos, concretamente no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia”.
Advirten que a día de hoxe “estase producindo un desmantelamento paulatino dun servizo básico para toda a Comarca, e que ademais, está causando graves perdas no sector agrario”. Din que “a falla de efectivos retrasa certificacións e trámites administrativos como poden ser plans de mellora, subvencións, ou mesmo axudas da PAC”.
Replican que “o peche desta Cámara Agraria amosa a política activa de abandono do medio rural galego. Esta é a xestión da tan proclamada lexislatura do rural de Feijoo?”, preguntan.