De noite, soñei con Marcial. Estaba para entrar nalgún lugar, e apareceu Marcial en silla de rodas… Saudou coa súa natural ledicia, e eu non cheguei a decir palabra, pensando: Pero Marcial, se estás morto, como é posible que esteas aquí?. Non recordo máis do soño. Non sei se alguén entendido en temas evanescentes, me pode indicar o significado de que soñe vivo a un benquerido amigo que morreu hai once anos.
Por Santos acudo en familia ao cemiterio de San Froilán, poñer dúas rosas bermellas na súa sepultura. Sempre se me adianta Chema, amigo e compañeiro, que mantén viva memoria e agarimo, e colocamos as flores entre as que Chema e familia colocaron primeiro. E fago unha foto para lembrar que o tempo corre mentras seguen frescos os recordos deste especial amigo de aventuras radiofónicas e vitais.
Marcial José González Vigo, estradense que despois de percorrer medio mundo afincou en Radio Popular de Lugo, foi un xigante da comunicación, e á súa beira fíxenme maior na radio. Conquistamos cumes que parecían imposibles, e premiáronnos en Sevilla e Mallorca, en Lugo, en Madrid ou en Salou, nos felices setenta.
De grande corazón, foi este quen cansou de marcarlle o ritmo, de impulsar tanta humanidade e calor humana, tanto traballo que merecía o dito do Campeador: ¡Dios, qué buen vassallo si oviesse buen señor!
Soñei con Marcial, e algo ten que significar. Como mínimo, a súa pervivencia na vida dos que o coñecemos; que ninguén morre de todo mentras alguén o recorde. Non me explico o da cadeira de rodas. Sexismundo, soñado por Calderón, dame unha razón vital: “pues que la vida es tan corta, soñemos, alma, soñemos”.