Sonia Villapol deu o pistoletazo de saída ao San Froilán 2023. A investigadora é profesora no Center for Neuroregeneration no Houston Methodist Hospital Research. Formouse na Universidade de Santiago de Compostela e na Universitat Autònoma de Barcelona. Foi investigadora do CNRS e do INSERM en París e no NIH e na universidade de Georgetown. Investiga os danos cerebrais e as enfermidades neurodexenerativas, e conta con máis de 70 artigos publicados. Forma parte do grupo de investigación internacional da COVID-19, analizando como afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso e os seus efectos a longo prazo. No 2023 publicou o seu primeiro libro de divulgación científica, Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia, un percorrido polos descubrimentos da COVID e cuestións como as vacinas, a COVID persistente, o impacto emocional da pandemia ou as súas consecuencias na saúde mental.
Na lectura do pregón estiveron presentes as e os concelleiros do equipo de Goberno e do resto da Corporación municipal, así como autoridades das distintas administracións como o presidente da Deputación, José Tomé; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o delegado da Xunta, Javier Arias, e o Vicerreitor da USC, Francisco Fraga, entre outros.
O San Froilán 2023 contará tamén con actividades xa consolidadas no programa, como a mostra de Artesanía Arte San Froilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Feira de Olería, que no 2022 foi un gran éxito, ou a feira do Mel que terá lugar o 7 e 8 de outubro.
Este San Froilán contará novamente con postos lilas onde especialistas en materia de igualdade traballarán en informar, concienciar e dar pautas para evitar situacións de acoso e violencia machista, e proporcionarán apoio, refuxio e asesoramento no caso de que acontezan. As e os taxistas de Lugo colaborarán traballando para evitar este tipo de situacións.