Suárez Barcia lembra aos veciños que deben limpar os montes para evitar lumes

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, insiste en que o 31 de maio remata o período voluntario para que os propietarios de montes próximos ás vivendas os desbrocen, co obxectivo de que existan unhas faixas de protección de 50 metros arredor das casas ou dos núcleos rurais. O rexedor insiste en que cando chegue o calor e os incendios forestais “non queremos lamentarnos porque a vexetación chegue ás portas das casas, témolo que evitar”. Suárez Barcia recoñece que moitos veciños xa están a cumprir coa lei de incendios de Galicia e anima ao resto a facelo tamén canto antes. E lembra que, tras dúas comunicacións oficiais, o Concello segue agardando pola resposta da Xunta de Galicia.

O rexedor ribadense manifestou que “o tempo vai pasando e os propietarios teñen que cumprir coa norma que leva vixente desde hai máis de dez anos, e que non queremos que en Ribadeo cando veña a época de perigos, de seca e de calor, teñamos que lamentarnos porque a vexetación, especialmente os eucaliptos, cheguen ás portas das casas e que isto poida supoñer un perigo, témolo que evitar”.

Fernando Suárez dixo que “estamos servindo de modelo de actuación para moita outra xente, para moitos outros concellos, que tampouco pretendemos ser modelo de nada. O único que queremos e o único que pretendemos é que os propietarios dos montes en Ribadeo cumpran coas normas que están establecidas desde hai moitos anos. Sabemos que o están a facer moitos deles, como se pode ver a día de hoxe, como moita xente xa está cortando ou mandando cortar todas esas faixas de protección arredor das casas tal e como marcan as normas”.

O alcalde lembrou que “sabemos que aínda estamos en período voluntario dado que este remata o 31 de maio, remata a finais do mes que ven. Pero por iso queremos advertir, agora que estamos en prazo, que non o deixen para última hora, que non o deixen para o final, que logo non van poder atopar madeiristas dispoñibles porque van estar saturados con outros encargos”. Suárez Barcia sinalou que “vemos que hai algunha outra xente que quere cumprir as normas, pero algunha dela está recelosa de se o fai o veciño tamén. A nosa opinión é que cada un atenda o seu, que cada un actúe como marca a norma e logo os que non o fagan xa se encargará a administración de que se cumpra a lei por unha vía máis amigable ou por unha vía máis coercitiva”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com