Volve subir levemente o número de casos activos de Covid19 rexistrados na provincia. Así o revela o último informe do SERGAS no que se recollen os datos do día de onte e no que se cifra en 226 as persoas que actualmente contan cunha infección activa por coronavirus; son 4 máis que na xornada anterior pero 2 menos que na do venres.
E é que tamén é importante o mantemento das altas médicas, malia que en cifras baixas, nas últimas horas aumentou nunha persoa pasando das 8 altas do domingo ás 9 que notificou o SERGAS correspondentes ao día de onte.
No tocante aos contaxios a cifra sobe ata os 12 positivos novos detectados nas últimas horas, catro persoas máis que na xornada anterior. Unha suba que non se reflicte, en cambio, na presión asistencial que hoxe experimenta unha considerable baixada no HULA.
Así, segundo informa o SERGAS, en unidades convencionais a provincia descende dende os 9 ingresados covid rexistrados onte ata os 7 que amencían hoxe nos hospitais. Mentres que o HULA pasa dos 6 pacientes covid en planta aos 3, o Hospital de Monforte gaña un paciente en planta. Na UCI do Hula continúa un paciente covid.
E todo isto o día que arrancan as vacinacións masivas en Lugo para o grupo de idade comprendido entre os 59 e os 50 anos. As previsións na provincia son iniciar as primeiras doses con 2.900 persoas no HULA, 900 en Burela e 600 en Monforte.
E precisamente da efectividade das vacinas falou onte o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña que asegurou que a inoculación dos diferentes fármacos permitiu unha redución do 100 por cen de ingresos en UCI e de falecementos nas persoas inmunizadas. O estudo, realizado en colaboración co Instituto de Desenvolvemento e Integración Sanitaria, colleu unha mostra de 240 mil persoas as que se lles administrou a vacina na primeira fase do proceso.