Subdelegación de Goberno e Concello ultiman os detalles de seguridade para o San Froilán

A Alcaldesa de Lugo xunta a Subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, copresidiron esta mañá a Xunta Local de Seguridade que, como cada ano, se celebra antes dos festexos do San Froilán co principal obxectivo de coordinar un dispositivo especial que garanta a seguridade e o normal desenvolvemento das festas patronais, que se celebrarán do 4 ao 12 de outubro. Nesta reunión tamén participou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto co Comisario do feiral e mandos da Policía Local, Autonómica e Nacional; así como Protección Civil, Garda Civil e Tráfico.

Tras a reunión, na que a Xunta Local de Seguridade puxo enriba da mesa a programación das festas, facendo fincapé nos actos máis multitudinarios e con máis afluencia de xente; a Alcaldesa confirmou que”sempre vai estar garantizada a seguridade”. Así mesmo informou de que os servizos municipais de protección á comunidade se verían reforzados, “porque ten que primar a seguridade, e sobre todo cando seguimos estando en alerta 4 antiterrorista a nivel estatal”.

Pola súa banda, a Subdelegada anunciou que a Policía Nacional, a Garda Civil e o Subsector de Tráfico colaborarán neste dispositivo tanto con patrullas na rúa como con controis nos accesos á cidade. Así, a Policía Nacional contará nos momentos nos que se prevé máis afluencia de persoas, ademais dos efectivos da Comisaría de Lugo, con reforzos procedentes da Coruña, aos que se sumará a unidade da Policía Autonómica.

A Garda Civil, pola súa parte, realizará controis nos accesos á cidade e o Subsector de Tráfico contará co apoio do Sector de Tráfico de Galicia nos días e horas punta e ten previsto facer verificacións que serán breves e numerosas. Concello e Subdelegación apelan á colaboración e sensibilización cidadá para que ás máis de 280  actividades programadas este ano se celebren con total normalidade e o San Froilán sexa, unha vez máis, un éxito total.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com