O catro de agosto de 2022, foi día de luto oficial en Foz pola morte de Suso do Bahía. Baixaron tristeiras as bandeiras dos edificios oficiais pola morte de Jesús Fernández López. Quedamos magoados, doridos, os seus numerosos amigos, polo pasamento de Suso de Foz.
Foi embaixador das xentes e terras de Foz desde os anos sesenta nos que a voz sonora de Suso, a súa presencia poderosa, o seu traballo incansable, as súas iniciativas luminosas o foron facendo imprescindible na vila “deitada rente ao mar” e, desde alí, “urbe et orbe” en calquera lugar onde se falara o idioma claro, sinxelo, amigable, dos que teñen “na fronte unha estrela” que os guía por vieiros difíciles de transitar polas persoas pero sumamente beneficiosos para o común das súas xentes.
Suso falou polas radios e escribiu nos xornais, publicou libros sobre Foz ou San Martiño, divulgou imaxes e historias do Foz de sempre, creou empresas e agrupacións de empresas, abandeirou iniciativas cidadás, xogou ao futbol e axudou ao Asilo, e como froito dunha vida de dedicación e entrega a Foz acadou as máximas honras que unha cidade pode ofrecer, sendo Cronista Oficial e Fillo Predilecto do Concello de Foz.
Era dono, e esto é especialmente importante, do respecto e o agarimo de todos os focenses, e se os políticos de todas as cores o loubaron na súa desaparición física, as xentes de Foz recoñecían en Suso un irmán; un igual e á vez un ser superior; un industrial de éxito e un desprendido colaborador nas causas máis diversas… un gran home que só respiraba – e o seu corazón latía – ao ritmo de Foz.
Suso a Foz deullo todo. Por iso, Foz estivo e está de loito por Suso.