Taranis

Con nome de deus mítico, apareceron de novo no tempo do outono na capital lucenses para evidenciar que os veteranos roqueiros non só non morren senón que demostran a súa vitalidade cando convén ás súas traxectorias musicais e á mesma historia lucense.

Taranis, para os máis vellos dos nosos máis vellos devanceiros era un deus que se manifestaba polo trono, a luz e o ceo, marcaba os ritmos do día e da noite, o tempo e o infinitivo. Que un grupo musical se bautizara así hai case catro décadas era toda unha declaración de principios sobre o papel que a música tivo nos nosos devanceiros e ten agora e sempre para todos os humanos sensibles ao pasado, o presente e o inextricable futuro.

Dos Taranis que a historia musical sitúa cando o século XX comezaba a envellecer, queda como vínculo directo o veterano e incombustible Manuel Pajon que o fixo renacer, reverdecer, comezando a traballar temas inéditos baixo o título conxunto de “Mundo idiota!”, que daría nome ao recente disco, tendo como voz solista e saxo alto a Pachi Mouriño, histórico da música lucense, aos que acompañan Eduardo Garcia, Neno Vázquez Tallon, Jorgito Delgado, Diego Fernández Bustillo, José Fontao e Carlos José Veloso (Pichi).

Coa lembranza ao prematuramente desaparecido Pedro Vila, asomaron con forza e sobre todo con ilusión, nunha madureza potente e vibrante, que leva consigo a experiencia de cada un deles de mais de medio século de música, e o desexo de seguir vivos por seguir músicos, ofrecendo aos lucenses unha nova imaxe dun grupo musical que fixo historia, e que a vai seguir facendo porque a historia é unha sucesión de feitos, de fitos, pero sobre todo a plasmación física dunha fe, dunha sede musical, de ánsia de confesar que viviron e, sobre todo, que teñen toda a vida –e toda a música- por diante para disfutar e facernos disfrutar a todos os galegos.

Os seus temas falan da terra, dos ríos, do vento, de cantos e de viaxes, de amor e de Galicia, de forza e de ilusión. Nunha totalidad de sentimentos que rotulan globalmente como “Mundo idiota”, quizais porque –como a todos nós- o mundo actual non lles gusta, e saben que os cambios precisos non se van producir nin pola política, nin pola economía, nin pola evolución social… Saben que únicamente a sensibilidade, as artes, a música… poden dulcificar o panorama sombrío que nos teñen construido, pretendendo dar a entender que nós somos os culpables.

Definen a súa actualidade musical como folk-rock-progresivo, e a min paréceme que hai que denominar a súa música como sons de sempre, do país, de xente moza por dentro que por fora peina canas, que nos retrotrae a un tempo de ilusión no que todo era posible, na que os enemigos eran de fóra e de lonxe, nos que a música era un bálsamo para todas as dores e mancaduras; máis aínda: era o pasaporte directo ao futuro.

Eu desexo para os amigos de Taranis o mellor dos éxitos, ou, o que é o mesmo, o recoñecemento dos seus paisanos e amigos, a comprobación da victoria da música e das ilusións sobre o tempo, a incomprensión, a soedade, as correntes e os gustos… e que todos os lucenses/galegos saibamos ver neles uns resistentes victoriosos, disfrutadores das meles da madureza, que en cada nota fan asomar anacos de vida. E que se Taranis era un deus máximo para os máis vellos dos nosos máis vellos devanceiros, protexa a súa traxectoria cara xalundes sendo proa, rella, nun camiño musical, no que sempre nos terán á súa beira e após deles, como apoios morais, e seguidores confesos da súa fe na música e no país.

(Este comentario escribiuse para ser publicado a comezos de 2020. Pero o Covid, como moitas outras cousas, arquivouno ata hoxe. Xa que os tempos parecen abrirse de novo, agardamos para Taranis que, de novo, viva a música!)

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com