Técnicos do Concello comproban o estado do novo Auditorio antes de recibilio

Persoal técnico do Concello de Lugo inspeccionaba hoxe as instalacións do novo Auditorio para comprobar o estado de conservación no que se atopa o inmoble antes da súa próxima entrega. Unha visita que foi solicitada a semana anterior polo goberno de Lara Méndez, para avanzar na última fase de recepción desta infraestrutura, e que se atendeu sen dilacións por parte da Consellería de Medio Ambiente.

A petición do executivo local tiña como obxectivo garantir que, cando o edificio pase a ser de titularidade municipal, o faga nas condicións axeitadas. A primeira hora deste mércores, respectando as datas propostas pola Administración Local, persoal dos departamentos de Arquitectura, Enxeñería, Electromecánica, Urbanismo e Parques e Xardíns accedían ao interior do inmoble para supervisar os acabados da construción.

Á espera de que se presenten os informes de cada un dos departamentos nos que se recollan as conclusións destas comprobacións, os técnicos xa apreciaron, nesta primeira inspección, deficiencias relacionadas coa presenza de humidades e filtracións de auga en teitos e paredes, seguramente debido á ausencia de actividade na dotación cultural xa que a construción do edificio rematou hai catro anos.

Así mesmo, apreciáronse danos na tarima e escaleiras do patio de butacas no salón principal ou na grifería dalgúns aseos que, dende o Concello, agardan sexan resoltas con anterioridade á entrega da infraestrutura para que esta se produza nas mellores condicións e co fin de poder poñelo a disposición, canto antes, de toda a veciñanza.

Dende o goberno de Lara Méndez daráselle prioridade á elaboración dos referidos informes para axilizar ao máximo posible a recepción do inmoble, logo de 15 anos de espera.

A propia alcaldesa mantén dende o pasado mes de xuño un contacto permamente coa titular de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, a quen lle solicitou a convocatoria da Comisión de Seguimento que se formalizou o pasado mes de novembro, a través da cal se marcou a folla de ruta que os técnicos dámbalas dúas administracións están a seguir nestes momentos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com