Técnicos da Xunta e a Policía Local investigaban nas últimas horas do pasado luns a procedencia dunha gran cantidade de verquidos de augas fecais que chegaban ao Río Rato. Segundo indicaba hoxe o voceiro municipal, técnicos do Concello están a comprobar a procedencia destes verquidos que poderían ser debidos á forte choiva caída o luns. De todos os xeitos, o goberno local asegura que o pozo fóra limpado e desbrozado hai quince días e que xa traballan na única solución posible: a pronta entrada en vigor do contrato da Estación Depuradora.
Pola súa banda, o BNG, anunciou esta mañá que levará o tema destes verquidos á oficina do Valedor do Pobo. Arroxo cualificou estes verquidos como unha enfermidade crónica que o PSOE se nega a resolver” e lembrou as innumerables iniciativas que o seu grupo ten presentado no concello de Lugo e ante diferentes instancias para que se dea solución a este problema.