O MIHL acollía hoxe unha xornada convocada por Fademur (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia) para poñer o foco sobre A forza das mulleres rurais.
No acto participou, entre outras personalidades a vicepresidenta terceira do Goberno estatal e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera quen alertou da importancia que ten que o número de mulleres que abandona o rural dobre ao dos homes. Un feito que chama a atención e “preocupa” ao Executivo do Estado.
A este respecto, a ministra considerou “clave” para o proceso de recuperación da “fenda da desigualdade” a necesidade de “apoiar ás mulleres” establecendo servizos e facilitando o emprendemento no medio rural.
A ministra advertiu da “gran preocupación” que supón para o Goberno o despoboamento e destacou, neste senso, o traballo que o colectivo organizador realiza na “recuperación de oficios”, algo que axuda coa fixación da poboación “de actividade cada vez máis diversificada”.
Asemade, Ribera admitiu que a “oportunidade en canto á fixación da poboación moza está íntimamente ligada coas posibilidades das mulleres”. Un feito de se demostra, segundo explicou, cos datos demográficos que amosan esa duplicidade do número de mulleres que abandona o medio rural respecto dos homes.
“É fundamental que as administracións esteamos ao lado destas mulleres”, explicou en relación ás verbas da rexedora lucense, encargada de clausurar a xornada, nas que poñía o foco na forza das mulleres rurais como “motor do emprendemento e da loita contra o abandono da Galicia interior”.
Para a ministra, as institucións son fundamentais para abordar as transformacións que “veñen operando no mundo laboral, relativo ao ámbito rural” co fin de mellorar as condicións de vida das persoas que viven do campo.