Terremoto

Ao saber pola radio da gravísima situación entre Siria e Turquía, cavilei que se trataba de un conflito bélico repentino, que orixinaba un sanguento desastre. Non digo que me tranquilizou saber que era unha catástrofe natural, pero o arrepío é diferente.

Resultou ser o choque de placas en lugar inestable xeoloxicamente que, alterando o milagroso equilibrio do planeta, produciu milleiros de mortos e incontables dramas humanos irreparables entre os que estamos de paso na súa superficie.

Pero aínda afectándonos gravisimamente unha catástrofe así, sabendo que non se pode conter nin prever, aferrámonos a un fatalismo irremediable por entender que ao alcance da nosa man só está ser solidarios cos afectados.

E danos por pensar que sería moito peor o que podemos facer os humanos, por irracional, inxusto e imprevisible. Que comezar un conflito como o de Ucraína é un crime de lesa humanidade e abofetéannos as declaracións dun político que manifestou que Rusia non utilizará armas nucleares nesta guerra porque os xerarcas que a gobernan teñen medo á propia morte.

Ou sexa, que no momento en que un gobernante non tema á morte pode haber conflito nuclear?. Unha soa bomba nuclear que se dispare é peor que mil terremotos. Que lonxe aquela idea de que os terroristas non ían inmolarse por temer pola propia vida!. E como exemplo temos os kamikazes da segunda gran guerra ou os terroristas das torres xemelgas que matando, morreron; morreron matando. Aínda tendo en conta que o home é un lobo para o home, moi mal debemos estar para que sexa menos preocupante un terremoto asasino que algunhas posibles accións humanas!.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com