Ti tamén maltratas!

Os que me coñecen de preto saben que non son de calarme. Gústanme as cousas claras e teño a costume, pode que non sempre boa e aínda menos apreciada, de chamarlles polo seu nome. Por iso hoxe, despois de que dúas mulleres fosen asasinadas polas súas parellas en apenas corenta e oito horas, e seguindo con esa costume miña, quero dirixirme a ti.

A ti, que sabendo o que está a suceder ben preto, pode que ao teu carón, prefires ignoralo, malia que unha vida está en xogo, a ti che digo: Ti tamén maltratas!. Ti, profesional coa obriga de actuar ante a máis mínima sospeita de malos tratos, pero que prefires dar crédito a esa “caída”, a ese “golpe contra a porta”, que che resulta infinitamente mais cómodo…Ti, si ,ti, tamén a maltratas!.

Vós, que sodes os encargados de garantir a esa muller que tomou a valente decisión de saír do inferno dos malos tratos a protección que precisa, pero que minimizades o perigo ao que está exposta, o risco que corre, vos tamén estades a maltratala!.

E ti, que tes a potestade para administrar a lei, para afastar a ese malnacido que ten como obxectivo principal rematar coa vida da muller que tenta rachar as cadeas que a atan a el, e aínda así optas, as veces, por servirlla en bandexa de prata, ti estás axudando a matala!.

Tamén vós, familiares, amigos, compañeiros desa muller que perdeu o sorriso, que está mais anulada cada día, que leva o medo escrito nos seus ollos, pero que preferides iso de “non dar que dicir” e sodes os adalides diso de que “algo sempre hai que aguantar”, tamén vos sodes maltratadores. Podería seguir e seguir, a lista e longa.

A violencia de xénero non ten un único culpable. O maltratador, o executor material desas aberracións que moitas veces, demasiadas, rematan en asasinato, non é o responsable exclusivo desta barbarie desquiciada que está a matarnos ás mulleres. Todos e cada un de nos temos a nosa parte de culpa.

Cando optamos por ignorar os signos mais que evidentes de que alguén, esa amiga, esa compañeira, está a ser maltratada, automaticamente convertémonos en cómplices. Cando o silencio hipócrita, a falsedade que solapa a barbarie, o fariseismo que impón o “politicamente correcto” rexe as nosas vidas e nos fai xustificar o inxustificable, somos tan culpables como o que ameaza, o que pega ou o que acoitela.

Xa non me sinto con forzas para presenciar máis minutos de silencio, máis concentracións nas que vamos e nos van a ver, pero que, unha vez rematadas, despoxaranos da careta hipócrita da dor para deixar ao descuberto de novo unha indiferencia letal e morbosa que fai que a nós, as mulleres, nos sigan matando.

Falamos de medios, de recursos, de leis, para combater esta lacra asasina, pero, que uso se lles está a dar?. Estanse aplicando do xeito correcto?. É obvio que non. As macabras estatísticas de vítimas de violencia de xénero falan por si soas.

A dobre moral, un, na miña opinión exceso de “buenismo”, á hora de que a xustiza actúe, unidos a pouca credibilidade que aínda hoxe, se lle outorga á unha muller cando di : “vaime matar”, fan que a violencia machista continúe in crescendo, e diso todos somos culpables. Ti tamén. Cando calas, cando ocultas, cando xustificas….ti tamén maltratas.

Marta Rodríguez Engroba.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com