O Padroado da TIC da Deputación aprobou este xoves o presuposto para 2017, que ascende a 1,8 millóns euros, a mesma cantidade que no presente exercicio. O Presidente, Darío Campos Conde, informou de que se trata dun presuposto máis social e cunha forte aposta pola promoción dos recursos da provincia, pois contempla a realización de máis cursos gratuítos sobre novas tecnoloxías para maiores, a colaboración con todos os Concellos para a promoción dos seus recursos, así como co conxunto do tecido asociativo para promover a súa actividade. Ademais acordouse manter a matrícula gratuíta da Escola de Imaxe e Son.
Campos Conde avanzou que “continuamos apostando polo ensino gratuíto e de calidade na Escola de Imaxe e Son; pola integración dos nosos maiores no eido nas novas tecnoloxías; e pola constante colaboración co tecido asociativo. Ademais, tamén seguiremos colaborando con todos e cada un dos Concellos lucenses para a promoción dos recursos turísticos da nosa provincia”.
Neste sentido, o máximo responsable provincial anunciou que o vindeiro curso manterase, por décimo curso consecutivo, a matrícula gratuíta na Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanza superior de realización e produción. Campos dixo que “destinaremos parte dos recursos da TIC a garantir a igualdade de oportunidades como un piar fundamental do sistema educativo que defendemos desde que entramos no Goberno provincial. Facemos este esforzo inversor porque queremos que os mozos mozas lucenses con vocación no audiovisual poidan acceder á nosa Escola, independentemente do poder adquisitivo das súas familias”.
Campos dixo que, ademais da igualdade de oportunidades, “na TIC apostamos por un ensino de calidade. Por iso, faremos fincapé nun dos sinais de identidade do noso modelo educativo: as prácticas dos nosos alumnos en escenarios reais e as actividades complementarias coa experiencia de profesionais de prestixio. O noso obxectivo é que o alumnado da EIS saia cunha formación adecuada á demanda do mercado”.