A Fundación TIC colaborará, xunto ao Concello de Guitiriz, coa curtametraxe “A Chave de Bascuas”, unha idea orixinal dun titulado da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o guitiricense Bruno Pena, na que tamén traballan outros tres exalumnos da EIS. O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, declarou que “desde a TIC achegaremos apoio técnico e a participación de alumnos en prácticas e bolseiros a este proxecto, que se rodará os días 11 e 12 de xuño en Bascuas. Para nós é un orgullo que iniciativas tan interesantes coma esta partan de mozos e mozas que se formaron na nosa Escola. É unha mostra de que imos polo bo camiño”.
O máximo responsable provincial fixo este anuncio este venres en Guitiriz na sinatura do convenio de colaboración na Igrexa de Bascuas, no que tamén participaron a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e Bruno Pena. Campos destacou que “este proxecto ten, entre os seus obxectivos, recuperar a nosa memoria como pobo a través de lendas practicamente perdidas, que chegaron a nós a través da tradición oral. Pero ademais pretende amosarnos como era a Galicia rural de principios do século XX”.
A chave de Bascuas forma parte dun proxecto fin de grao, no que están involucrados varias empresas e un equipo de máis de 70 persoas. Un dos obxectivos da curta é dar a coñecer unha lenda case esquecida da bisbarra de Guitiriz, da que apenas hai información e que chegou ata nós grazas ao boca a boca dos maiores de comarca.
Está previsto que teña unha duración de entre doce e quince minutos onde, ademais da lenda desta pequena vila, se mostre como era Bascuas nos anos 20 do pasado século, e en Galicia en xeral, así como as festas, vestimentas e costumes da época. A curta difundirase por diversas institucións, escolas e concursos.