A Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, gravará a II Ruta Cabalar que reunirá este sábado na comarca da Ulloa a uns 150 xinetes afeccionados de toda Galicia. A Deputada de Economía, Pilar García Porto, anunciou que “un equipo de bolseiros e profesionais da Fundación estará a pé de ruta para gravar as mellores imaxes do paso dos participantes e os seus cabalos”. Ao igual que se fixo na pasada edición, sinalou a Deputada “con este material editarase un DVD e reportaxes para difundir a cita en redes sociais, foros especializados, blogs e na páxina web da Fundación”.
García Porto fixo estas declaracións na presentación da cita, que tivo lugar este xoves na casa rural Parada das Bestas, en Palas de Rei, e na que tamén participou o organizador da ruta, Isaac Castro. A representante provincial destacou o gran labor cultural que fai o colectivo con estas actividades ecuestres “pois ademais de promover a afección por este deporte, contribúen á promoción turística e económica da comarca, ao transcorrer a ruta por algunhas das paraxes máis fermosas dos municipios de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla”. É de destacar tamén “o traballo que realizan membros da agrupación coa posta a punto da ruta, na limpeza e apertura de accesos de camiños e tramos nestas zonas polas que pasa o Camiño de Santiago”, engadiu Porto.
Desenvolvemento da ruta
A II Ruta Cabalar da Ulloa, a única ecuestre en Galicia que pasa por tres concellos, partirá nesta ocasión ás 15:30 horas do complexo hostaleiro A Cabaña, en Palas de Rei, e continuará por un tramo do Camiño de Santiago dirección ao Castelo de Pambre, para acto seguido pasar polo Concello de Monterroso. Está previsto que o percorrido, duns 30 quilómetros, dure ao redor de 4 horas horas e remate en Antas de Ulla, onde terá lugar unha cea, ás 22:00 horas, aberta a todo o que queira asistir sen necesidade de facer a ruta.
O prezo por participar só na ruta é de 10 euros, e con cea incluída 22 euros para adultos e 11 para nenos e mozos de menos de 18 anos de idade. celebración do evento, para realizar as inscricións e reservas. Para isto, poden chamar ao número de teléfono 662 93 45 36, habilitado pola organización.
Compromiso coas asociacións da provincia
Con esta nova colaboración, a Fundación TIC afianza o compromiso que iniciou hai un ano coa Asociación Cabaleiros da Ulloa na difusión das súas actividades. García Porto salientou que deste xeito “a TIC continúa co seu apoio ás asociacións culturais e sociais da provincia a través da sinatura de convenios de colaboración, co fin de divulgar o labor que realizan estes colectivos con produtos audiovisuais”.