A TIC intensifica a súa colaboración coa USC cun obradoiro de contidos para Youtube en Xuvenciencia

A Fundación TIC intensifica a súa colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela no desenvolvemento do V Campus de Verán Xuvenciencia, do 2 ao 8 de xullo. A iniciativa conta coa participación de 130 alumnos de 4º da ESO e BAC en máis dun centenar de actividades. Entre elas, un obradoiro sobre contidos audiovisuais para Youtube, que impartirá un docente da Escola de Imaxe e Son na EIS. Ademais, un equipo de profesionais e bolseiros da TIC ofrecerá apoio técnico e asesoramento ao alumnado para realizar os vídeos de presentación dos seus proxectos finais. A achega da Fundación TIC complementarase con reportaxes e un vídeo coa recompilación dos momentos máis salientables de Xuvenciencia, que se proxectará o día da clausura.

Ciencia e Tecnoloxía

O programa estival do Campus Terra tenta dar a coñecer á xuventude preuniversitaria a Ciencia e a Tecnoloxía dun xeito práctico, fomentar o seu interese polas titulacións neste eido e amosar os itinerarios formativos das seis Facultades e Escolas da USC en Lugo. A eles súmanse os ciclos de Formación Profesional que é posible estudar en Lugo, incluídos os Superiores de Realización e Produción que se imparten na EIS.

O doutor en Física Cibrán Santamarina, profesor da USC e colaborador do CERN, abrirá o V Campus de Verán cunha charla titulada “Elemental, querido Schrödinger”. O proxecto de divulgación científica conta co aval de 146 docentes aos que se suma persoal de apoio. Como en anos anteriores, Xuvenciencia presenta un módulo para veteranos, e conta con servizo de aloxamento para que os alumnos podan participar nas actividades lúdicas programadas pola asociación deportiva e cultural Lumieira Lugo.

A TIC coa USC

A Fundación TIC mantén unha estreita colaboración coa USC para impulsar o Campus Terra, con varias actuacións como a difusión da campaña “Para Estudar Lugo”, que impulsa a Deputación. Entre outras achegas divulgativas, cabe destacar a do curso de verán “O impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O caso de Ortigueira”, celebrado na Facultade de Humanidades e a visita didáctica realizada, este curso, polos alumnos do IV Ciclo ás instalacións da TIC.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com