A Fundación TIC recibiu o recoñecemento dos organizadores do Desafío Volta a Lugo pola súa contribución á promoción da proba cicloturista. O patrón da Fundación TIC Álvaro Santos agradeceu o agasallo, unha placa de metacrilato cunha inscrición e o emblema do Desafío, que recibiu de mans do presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, José María Seijas e o director da competición, Santiago Seijas. A entrega tivo lugar este martes, nas instalacións do Centro de Produción de Programas da TIC.
A Fundación TIC apoia dende hai anos o evento deportivo, que xa celebrou a súa IX edición, coa realización de spots para dar a coñecer o seu recorrido pola provincia, e a elaboración de reportaxes e vídeos para a súa difusión en internet, a través da redes sociais e outros mediosde comunicación.
O Desafío Volta a Lugo é unha proba pioneira, ao ser a primeira por etapas que se celebra en Galicia, e unha das poucas deste tipo no resto da península. O interese que esperta, e a calidade técnica da súa organización, atraen cada ano centenares de deportistas nacionais e internacionais, e afeccionados ao ciclismo, á nosa provincia.