Os alumnos e traballadores da Fundación TIC da Deputación súmanse á loita contra a violencia machista con varias actividades, entre as que destaca En Camiño contra a Violencia, un proxecto que se desenvolverá o mércores 23 de novembro, e que foi presentado este venres na sede da Escola de Imaxe e Son da TIC polo Presidente da entidade e da Deputación, Darío Campos.
En camiño contra a violencia arrincará ás 11.30 horas na Praza de San Marcos, onde haberá unha posta en escena que inclúe fotografía, danza e música, e na que colabora a USC con bailaríns e o coreógrafo Juan Carlos Zahera. Todos os cidadáns que se animen a participar na marcha recibirán unha camiseta negra co logotipo da campaña de Lugo en negro.
Os participantes seguirán as pegadas ata a Praza Maior. Alí proxectaranse escenas de películas, a maioría de cine clásico, entre outras, de “China Town” ou “Te doy mis ojos”, nas que se amosará a violencia encuberta. A marcha atravesará a Praza de Santa María e fará unha nova parada na Porta de Santiago. No monumento Patrimonio da Humanidade actuará un mimo. O Camiño rematará na Escola, que recibirá aos participantes vestida de loito en sinal de dó polas vítimas de xénero.
En Camiño contra a Violencia recolle as propostas dos alumnos e alumnas de primeiro de produción da EIS, que tamén son os encargados da súa organización. Neste senso, o máximo responsable provincial dixo que “para min é unha satisfacción a implicación do noso alumnado nesta campaña porque a loita contra a violencia de xénero debe comezar coa concienciación dos máis novos. A educación no respecto é fundamental para facer realidade o noso obxectivo como sociedade: que non haxa ningunha soa vítima máis”.