Tino Saqués desmorónase na rolda de prensa que ofreceu esta mañá para falar do proceso de venda das accións do CD Lugo

Esta mañá tivo lugar a esperada rolda de prensa do ata de agora, principal accionista do Club Deportivo Lugo, Tino Saqués, na que explicou a súa postura ao respecto do proceso de venda das accións do clube por parte da Deputación e do Concello e das declaracións vertidas neste tempo por algúns membros da directiva do Lugo.

Comezou Sauqués facendo unha retrospectiva da actividade da súa empresa e da súa relación co clube lucense, dende o ano 2008 ate o momento. Falou da explotación da bancada supletoria, que segundo explicou, xerou un desenvolso de 250 mil euros, e unhas perdas de cen mil, que asumiu a súa empresa.

Afirmou asemade que foi él quen fixo o plantexamento de instalar unha grada nova para a afición do Lugo e non para situar aos siareiros dos equipos visitantes, tal e como aconteceu en varios partidos desputados no Ángel Carro, entre eles o que enfrontou o Lugo co Deportivo da Coruña. Segundo Saqués, “a directiva non viu clara esta iniciativa”.

Referíuse tamén as críticas verquidas contra el por ser posuidor dun palco no estadio lucense. Afirmou que non foi unha compensación, senón que fixo integramente a reforma dese palco, “de xeito que non pode considerarse un regalo”.
Ao respecto do proceso de venda feito pola Deputación de Lugo, explicou que no primeiro concurso el non se plantexou participar, xa que as bases do concurso esixían un pago único de millón e medio de euros que a súa empresa non podía asumir.

Ao declararse deserto o concurso e cambiar as bases de modo que o pago puidera ser aprazado, como pedía Gerard López, único participante ata ese momento no concurso, Saqués decidiu presentarse. Sen embargo segundo afirmou hoxe, Saqués púxose en contacto co representante de Gerard López para pactar unha compra a medias, é dicir, Saqués compraría as accións do Concello, e Gerard López as da Deputación.

Segundo Saqués, o representante de López díxolle literalmente, que “cando López entra nun proceso deste tipo, ía a gañar” e que non entraba nos seus plans compartir as accións. Como a Deputación de Lugo desvelou en boca do voceiro provincial socialista Manuel Martínez, o prezo de venda das accións, Saqués xogou a súa baza de “xeito lexítimo”, gañando deste xeito virtualmente o concurso. Pedíulle a Deputación de Lugo que axilice o proceso de valoración do proxecto deportivo, xa que está a entorpecer a xestión da venda.

Cando Saqués empezou a relatar o acoso ao que determinados medios de comunicación e diferentes colectivos o someteron a el,  a súa familia e os seus achegados, Saqués desmoronóuse e comezou a chorar, tendo que parar por uns momentos a rolda de prensa. Saíu da sala e volveu a intentalo momentos despois ainda que non puido. Foi unha persoa do seu gabinete de prensa a que continuou lendo o escrito de Saqués.

Pouco a pouco puido recompoñerse para seguir ca rolda de prensa. Sinalou para rematar que a súa política co clube será continuista, e que espera contar co adestrador Quique Setién e con José Bouso co que xa mantivo varias reunións.

Afirmou que nunca pensou que presentarse a este concurso ía ocasionarlle “semellante desgaste persoal” e que aínda non entende ben como sen ter feito declaracións ata o día de hoxe, tanta xente o criticou de “maneira despiadada”.
Falou tamén de que no caso de ser o gañador real do concurso non será presidente do clube e sinalou que se finalmente non adquire o 48% das acción do Lugo, a súa porta seguirá aberta para calquera axuda que necesite o clube.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com