Todo preparado na cidade de Lugo para acoller hoxe contra ás cinco da tarde o paso da Vuelta a España. A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, sinalaba que “xa están todos os dispositivos despregados para garantir o normal desenvolvemento da proba”, polo que agora só queda gozar do evento e das actividades en torno ao mesmo.
As actividades comezan ás tres da tarde, cando un grupo de nenos sairán dende a rúa Chantada para realizar os últimos metros do percorrido. Ademais, quedará instalada unha ‘Fanzone’ na Praza Maior dende as catro e media da tarde e ata a noitiña.
Está previsto que o pelotón chegue á cidade ás cinco da tarde. Os ciclistas chegarán á meta, instalada na Porta de San Fernando, contra as cinco e media e ata as seis e media non quedará retirado todo o dispositivo.
O percorrido que fará o pelotón será o seguinte: entrará en Lugo pola Ronda Norte cara a rúa Hortensia, plaza de Garabolos, N-VI (dirección Madrid), glorieta Vítimas do Terrorismo, Paseo do Rato, San Eufrasio, praza Conde Fontao, rúa Castelao, Ronda da Muralla, praza da Constitución, rúa Ángel López Pérez, praza Xaquín Lorenzo, rúa Vilalba e Ronda Muralla ata a porta de San Fernando.