Tomé defende en Granada defende que as entidades provinciais teñan un papel central na dotación e xestión dos fondos europeos

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo e Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou hoxe en Granada na xornada Gobiernos provinciales en la recuperación, organizada polo PSOE. Un acto no que participaron entre outros dirixentes a Vicesecretaria Xeral do PSOE, Adriana Lastra, o secretario de Organización, Santos Cerdán, así como Alcaldes, presidentes de deputacións de toda España e cargos orgánicos do partido a nivel estatal.

Tomé Roca incidiu na importancia de promover e de participar neste tipo de encontros políticos “xa que aquí podemos facer unha posta en común da nosa xestión e dos nosos proxectos de futuro, e ao mesmo tempo coñecer outras iniciativas interesantes para a nosa provincia e que se impulsan noutras partes de Estado”, explicou.

Os municipios e a actividade rural, a reforma laboral nos gobernos locais e a xestión dos fondos europeos foron as mesas de traballo en torno ás que xirou o encontro socialista, no que se evidenciou a importancia do traballo das deputacións para favorecer unha recuperación sostible, e para vertebrar e  dinamizar un territorio. “Tanto os concellos como as Deputacións son as primeiras entidades ás que se achega o cidadán para obter solucións, por iso é tan importante estar preparado para responder con eficacia, solvencia e axilidade,” sinalou o dirixente socialista.

Como vén facendo en distintos foros municipalistas, como na Comisión de Deputacións da FEMP, e tamén no seo dos órganos do partido, José Tomé defendeu que as entidades provinciais teñan un papel central na dotación e na xestión dos fondos europeos. “Só así conseguiremos que estes recursos cheguen realmente ao territorio, que respondan ás necesidades reais da cidadanía e do tecido produtivo, e que teñan unha verdadeira capacidade transformadora, como é o seu obxectivo”, subliñou o Secretario Xeral dos socialistas na provincia, “porque as administracións locais son as máis próximas ós veciños e veciñas, polo que son as que mellor coñecen a súa realidade e as súas necesidades”.

Así mesmo, as deputacións “xogan un papel imprescindible de cooperación cos concellos, sobre todo cos máis pequenos, favorecendo a cohesión social e o equilibrio territorial”, asegurou José Tomé.

De feito, no seo da Comisión de Deputacións da FEMP hai consenso en torno á reivindicación de Tomé Roca de habilitar fondos europeos para mellorar a rede de infraestruturas provinciais, “unha cuestión básica, tanto para artellar solucións eficaces para fixar poboación e abordar o reto demográfico, como para atraer turismo”, asegurou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia. “Se queremos que a xente non se vaia do rural, debe ter bos accesos, igual que se queremos que veña facer turismo. Non se trata de facer nin un quilómetro de estrada nova, senón de manter e mellorar as vías que temos para que a xente teña calidade de vida”, explicou.

O mandatario socialista incidiu en que a Deputación de Lugo e en xeral as institucións provinciais “fixemos fronte de maneira eficaz ó impacto da pandemia, sen ter experiencia en situacións de emerxencia coma esta, e a pesar de non contar con ningún recurso económico extraordinario, como si recibiron tanto o Goberno central como as  comunidades autónomas, no noso caso, a Xunta de Galicia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com