O Presidente da Deputación José Tomé, presentou este venres a composición do Goberno dos vindeiros catro anos, planificado, subliñou, “para ser o máis útil posible á provincia, a través dos Concellos e do tecido asociativo”. Así, a estructura e designación de áreas de actuación teñen como obxectivos fundamentais “responder coa máxima eficacia ás necesidades dos Concellos e dos veciños e veciñas e impulsar o desenvolvemento da provincia a través do reequilibrio e a cohesión social e territorial”.
Tomé definiu ao grupo de deputados e deputadas socialistas como “un equipo sólido, cunha longa experiencia na gobernanza e xestión da administración pública na que acadamos resultados moi positivos nos nosos respectivos cometidos.
Ademais das funcións propias da Presidencia, como dirixir o Goberno e a Administración, representar á Deputación ou convocar e presidir os Plenos, entre moitas outras, José Tomé asume a área de Xestión Territorial, que inclúe as materias de Vías e Obras, Parque Móbil e Unidade de Proxectos. O Presidente tomou esta decisión, segundo explicou, porque, “ademais de coordinar e dirixir o Goberno, quero implicarme directamente na xestión para impulsar e garantir o reequilibrio social e territorial do que falaba”.
Repiten como deputados/as : Pablo Rivera Capón, que na anterior lexislatura xestionou deporte e mocidade, agora encargarase da Área de Promoción Económica e Social. Esta área leva aparelladas as materias de Proxectos Europeos, Innovación e TIC,s, Transparencia, Emprego e Benestar Social. Mayra Gómez Bermúdez na Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas competencia que xa ostentaba. E Pilar García Porto, na Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo así como voceira.
Os novos deputados serán os responsables das seguintes áreas: Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira a concelleira lucense será a responsable deste departamento que desenvolverá o seu labor no ámbito educativo. Área de Participación Cidadá, dela ocuparase Roberto García Pernas.
A Área de Muller e Igualdade será a área que dirixa María Loureiro García. Un dos eixos será a loita contra a lacra da violencia de xénero. Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos. O responsable deste eixo estratéxico da acción da Deputación será Xosé María Arias. Da Área de Medio Ambiente farase cargo José Luis Raposo. Da Área de Recursos Sostibles, responsabilizárase Roberto Fernández Rico que inclúe a Granxa Gayoso Castro, e a finca do Pazo de Tor.
Xunta de Goberno, Pleno e comisións informativas
Polo demais, o Presidente informou de que a Xunta de Goberno estará formada por 9 deputados. Ademais de pola súa persoa, integrarán este órgano: Tareixa Antía Ferreiro Tallón, Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón, Mayra García Bermúdez, Roberto Fernández Rico, Xosé María Arias Fernández, José Luis Raposo Magdalena e Mónica Freire Rancaño.
Crearanse dúas Comisións Informativas, dentro do obxectivo de “simplificar o funcionamento da Corporación facéndoo máis efectivo e dinámico”, sinalou Tomé. Serán a Comisión Xeral de Asuntos do Pleno e a de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, que presidirá o Presidente e terán 3 integrantes do grupo provincial do PP, 3 do PSOE e 1 do BNG.
Por outra banda, mantéñense a periodicidade e a hora das sesións ordinarias do Pleno –os últimos martes de mes, ás 11:00h- e das Xuntas de Goberno -o venres de cada semana, ás 11.00h-.
Con respecto ás áreas que xestionará o BNG, o Presidente sinalou que serán os deputados nacionalistas os que darán conta da súa organización interna por respecto á autonomía de xestión de cada grupo que conforma o Goberno. As competencias que asumen son: Deportes, Artesanía e Deseño, Memoria Histórica, Medio Rural, Mar, Mocidade, Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística.
Xul 26, 2019 - 03:50 PM
Pois, empecen a desbrozar as estradas, que dan noxoooooo, coño.