No marco da campaña Camiñamos Xuntos, José Tomé Roca, candidato á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, mantivo na tarde deste venres unha reunión coa militancia da comarca de Lugo. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo programa xuntanzas entre esta semana e a próxima cos militantes de todas as comarcas, presentándolles o seu proxecto para o Partido Socialista de cara ao Congreso Provincial do 20 de febreiro.
A cidade de Lugo acolleu onte a reunión entre Tomé Roca e os militantes da capital e dos concellos do Páramo, Portomarín, Outeiro de Rei, O Corgo, Guntín, Castroverde e Friol. O socialista visitou a cidade lucense tras manter reunións nos últimos días na comarca da Mariña, en Monforte de Lemos e en Chantada.
No encontro, José Tomé fixo fincapé en “colocar á militancia no centro do meu proxecto”. “Por iso fago este percorrido por toda a provincia aínda que non haxa votacións. Quero estar cerca dos compañeiros e compañeiras, explicar as ideas que teño para o partido e escoitar as súas opinións e propostas, para darlle entre todos e todas un novo impulso ó socialismo na provincia”, explicou.
Aproveitando a súa presenza na capital da provincia, o candidato socialista insistiu na importancia de consolidar os gobernos socialistas nos diferentes municipios e conseguir novas alcaldías nas municipais do vindeiro ano “porque iso será bo para os nosos veciños e veciñas”. “Gobernamos para o 65% da poboación lucense, incluíndo a cidade de Lugo, e gobernamos na Deputación. Polo tanto, temos un bo punto de partida, dende o que temos que traballar para seguir ampliando esta forza e representación institucional”, subliñou o candidato.
Neste sentido, o socialista remarcou a importancia de gobernar na Deputación de Lugo para os municipios pequenos. “Cando gobernamos os socialistas o funcionamento é mellor que co Partido Popular. Nos repartos de fondos, os socialistas non miramos as cores do goberno de cada municipio, todos reciben o que lles corresponde”, sinalou.
Deste modo, “os socialistas debemos estar unidos e contar coa militancia para consolidar os gobernos que lideramos e apostar por eses municipios nos que temos claras opcións de gobernar”, recalcou Tomé Roca. A iniciativa Camiñamos Xuntos inclúe reunións entre o candidato e a militancia este sábado en Becerréa e Sarria, mentres que en Vilalba estará o domingo. O próximo martes visitará Pol e A Fonsagrada.