O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, reivindicou esta mañá “a necesidade de que a Xunta de Galicia transfira máis fondos aos concellos” na XI Asemblea da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrada en Santiago de Compostela.
Os fondos que reclama o alcalde de Monforte á Xunta servirían para que os concellos “poidan facer fronte ao amplo abano de servizos públicos que prestan á veciñanza, incrementados aínda máis a raíz a pandemia, e que o faga con criterios públicos e obxectivos, iguais para todos”.
Tamén subliñou que “resulta imprescindible abordar xa a clarificación de competencias dada a sobrecarga de funcións impropias que asumen as entidades locais e provinciais, sen contar ademais cos recursos económicos necesarios, o que lastra as facendas locais”.