Tomé reivindica en Cervo e Ribadeo “a importancia dun proxecto dende as bases do partido

José Tomé Roca continuou este martes en Cervo e Ribadeo a iniciativa Camiñamos Xuntos, a través da que o candidato á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia visitará todas as comarcas de Lugo de cara a preparar o próximo Congreso Provincial, previsto para o 20 de febreiro.

Tomé Roca quere aproveitar estas semanas previas ao IV Congreso Provincial para mostrar o seu proxecto aos militantes e recoller as súas aportacións. “É certo que non hai primarias, e polo tanto, non é necesaria unha campaña de información como tal, pero eu quixen facer estes encontros coa militancia porque quero estar cerca dos compañeiros e compañeiras das distintas agrupacións da provincia e porque o esencial destes procesos é compartir as nosas ideas coas bases do partido”, sinala o socialista. “Quero ir velos e, ó mesmo tempo, escoitalos, saber cales son as súas necesidades e preocupacións e, con todo iso, tratar de acertar no fortalecemento e no novo impulso que temos que darlle ó partido”, engadiu.

A militancia de toda a provincia estará convocada aos distintos encontros durante esta semana e a próxima. Deste modo, esta semana dáse continuidade á iniciativa Camiñamos Xuntos, tras o primeiro encontro da pasada semana en Chantada e en Monforte de Lemos, onde Tomé Roca intercambiou sensacións cos militantes de ditas comarcas.

Esta tarde, Tomé Roca acompañou aos militantes de Burela, Cervo e Xove, nun encontro na sede do PSdeG no municipio cervense. A continuación, acudiu á sede socialista en Ribadeo, onde estivo cos militantes do municipio, así como cos compañeiros e compañeiras de Barreiros, A Pontenova e Trabada.

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia insistiu na necesidade de “sumar e camiñar xuntos, construíndo un proxecto dende as bases do partido, contando con todos os militantes”.

Neste sentido, Tomé Roca fixo hoxe fincapé na importancia dun partido “forte, unido e integrador” para “consolidar e mellorar os nosos resultados a nivel local, unha forza municipalista que impulsará aos socialistas nas vindeiras eleccións”. “Os socialistas gobernamos para o 65% da poboación lucense, ademais de na Deputación. Isto supón 27 alcaldes e alcaldesas traballando para á cidadanía”, explicou o socialista.

Tras os encontros de hoxe, Tomé Roca visitará este xoves Foz e Viveiro, mentres que o venres estará en Lugo. Na fin de semana manterá encontros coa militancia en Becerreá, Sarria e Vilalba e a vindeira semana, na Fonsagrada e en Pol.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com