Tomé tilda de “manipulación” e “espectáculo” a oposición do PP na Deputación

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, valorou este venres o acto do Partido Popular celebrado o xoves na Praza de San Marcos, en resposta ás preguntas dos xornalistas. Tomé acusou ao PP de facer unha oposición de “manipulación e de ter que recorrer a este tipo de espectáculo de rúa para chamar á atención, que é máis propio doutros partidos políticos que os propios populares critican en Madrid”.

“Resulta evidente que o Partido Popular non ten argumentos para facer oposición ao Presidente, e non asumen que fomos capaces de normalizar o funcionamento da Deputación como una institución seria”, afirmou, e incidiu en que “o PP bota de menos tempos pasados nos que gobernaban na sombra sen mancharse e utilizaban a institución en beneficio político propio”.

Engadiu que “moi desesperado ten que estar o PP de Lugo para ter que recorrer a este tipo de oposición”, aínda que puntualizou que “o facían bastante ben, forman un grupo perfecto para presentarse ao programa de televisión Got Talent, e eu iríalles aplaudir”.

Sinalou, ademais, que tanto o voceiro dos populares na Deputación, Javier Jorge Castiñeira, como a Presidenta do PP en Lugo, Elena Candia, non atopan o seu sitio e non teñen propostas para facer o papel da oposición. “Poden seguir instalados na política do bache e facendo performances, pero estando eu como Presidente non van volver os tempos que o PP bota de menos nesta institución”. Lembrou o mandatario provincial que “resulta kafkiano que o PP fale de trato discriminatorio, cando a Sra. Candia, durante os 3 meses que foi Presidenta asinou 43 convenios, dos cales 42 foron con concellos do PP e 1 co Concello de Cervantes”. O mandatario provincial incide en que cando Elena Candia foi Presidenta da Deputación esquecera os criterios obxectivos e facía o reparto de fondos a dedo para os concellos nos que gobernaba o Partido Popular.

O Presidente subliñou “vou seguir gobernando para todos, coa mesma folla de ruta coa que empecei o mandato, para servir os veciños e veciñas da provincia de Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com