‘Toponimízate’ chega á Pobra do Brollón á procura de colaboradores para a recolla de topónimos da zona

‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra’ chegará o venres 10 de novembro ao concello da Pobra do Brollón. A Casa da Cultura acollerá a partir das 19.30 horas unha das charlas da nova edición da campaña coordinada pola Real Academia Galega, na que as persoas asistentes aprenderán a empregar a aplicación Galicia Nomeada, coa que poderán colaborar na recolla de nomes de leiras, fontes, camiños, devesas e outros microtopónimos que corren o risco de se perder. A entrada estará aberta para todo o público que desexe asistir.

O coordinador técnico da plataforma, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, explicaralles ademais aos presentes a orixe e o significado dos topónimos que designan este municipio e as súas parroquias e aldeas, unha información elaborada coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.

‘Toponimízate’ ten dous obxectivos principais: divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando Galicia Nomeada. Nesta edición a campaña visitará unha ducia de municipios onde no seu día non se completou o Proxecto Toponimia de Galicia á procura de persoas que queiran colaborar neste labor. No caso da Pobra do Brollón, a través desta aplicación rexistráronse ata o momento un total de 315 achegas públicas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com