‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra’ chegará este venres a Begonte cunha nova charla sobre a orixe e o significado dos nomes de lugar do concello. A sesión terá lugar na Casa da Cultura a partir das 19:30 horas. O coordinador técnico de Galicia Nomeada, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, impartirá a charla, que conta coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.
A campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística permitiralle ademais ao público aprender a empregar a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, deseñada para facilitar a participación cidadá na recolla e xeolocalización de nomes de leiras, montes camiños ou fontes dende un dispositivo móbil. Dende a súa posta en marcha a finais de 2019, a plataforma recibiu unhas 68.000 achegas por parte das máis de 3.200 persoas e entidades colaboradoras.