Mañá comeza o I Torneo Internacional de San Froilán de Xadrez de ritmo lento. Xogarase a cinco roldas e cada xogador dispoñerá para xogar a súa partida de noventa minutos máis trinta segundos por xogada. O torneo disputarase no albergue Lug 2 e dará comezo mañá ás 17 horas. Este torneo está organizado pola Concellería de Deportes e conta coa dirección deportiva da Escola Luguesa.
Inscribíronse cento dous xogadores, dos cales, oitenta e tres teñen ránking internacional o que demostra a forza que terá o torneo. Será unha gran ocasión para a canteira lucense poder xogar contra xogadores cun alto nivel axedrecístico. Entre os que podemos atoparnos a catro grandes mestres, tres mestres internacionais e sete mestres fide. Como é lóxico, a comunidade galega é a que máis xogadores achega e a Escola Luguesa de Xadrez é o club que máis xogadores achega, máis de corenta.
Os favoritos serán os españois David Lariñoy Orelvis Pérez, o serbio Strokovich e o arxentino Alejandro Hoffman. En canto aos lucenses os máis fortes serán Julio González, Carlos Casares e Jesús Do Barrio. Cabe destacar que o mozo xogador da Escola Luguesa de Xadrez Pablo López que acaba de chegar do Campionato do Mundo tampouco se perderá esta importante cita do xadrez lucense.
Torneo Escolar San Froilán
O principal obxectivo destes torneos é potenciar o xadrez na cidade de Lugo, e paralelamente ao Internacional, a Concellaría de Deportes organiza un torneo Escolar para que os máis novos teñan a oportunidade de contrastar os seus progresos. Este torneo desenvolverase o sábado a partir das 16:30 no Albergue Lug2, cada xogador disputará cinco partidas de quince minutos. Agardase que neste torneo participen máis de 70 xogadores.
A inscrición que é gratuíta poderase facer ata o xoves ás 16 horas no e-mail xaquedrum@gmail.com.