Un total de 32 centros da provincia poñen en marcha clubs de lectura para este curso

Un total de 32 centros educativos de ESO, bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial da provincia de Lugo poñerán en marcha este curso os clubs de lectura, espazos de dinamización a prol da lectura que, ademais, favorecen tamén a aprendizaxe de competencias clave. Prevese que participen ao redor de 1.800 lectores e lectoras nos club de lectura dos centros lucenses.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a resolución pola que se conceden axudas para sufragar os gastos derivados do desenvolvemento de actividades previstas para o club, fundamentalmente aqueles que teñen que ver coa adquisición de libros, que pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca escolar. Para esta acción de fomento do hábito lector entre toda a comunidade educativa, a Consellería destinou 215.000 euros.

En total, son 231 os centros galegos que desenvolverán este curso clubs de lectura, nos que se prevé que participen máis de 12.000 lectoras e lectores. Os centros beneficiados poden consultarse no seguinte enlace: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23951. Á hora de realizar as asignacións aos centros valoráronse as iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que buscan contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa lingua e a literatura galegas. Así mesmo, primáronse as que fomentan a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Así mesmo, valoráronse de forma especial as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Espazos de convivencia e motivación Os clubs de lectura funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá, ao mesmo tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas que presentan pouco interese por este hábito.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com