Trabada e Ribadeo poderían ter abertas as Residencias da Deputación en xaneiro

A Deputación avanza hoxe na apertura de dúas das Residencias da terceira idade e centros de día que xestionará o goberno provincial. Serán as de Trabada e Ribadeo as dúas primeiras en abrir as súas portas aos usuarios, tras a aprobación, en xunta de goberno, dos convenios específicos da Deputación cos concellos para a posta en funcionamento destas residencias que poderían iniciar a súa actividade, no vindeiro mes de xaneiro.

Entre outras cousas os convenios recollen os custes por praza, que irán entre os 750 euros por usuario en centro de día e os 1390 euros por usuario dependente en residencia. Destes prezos, e no caso de que sexa necesario, a Deputación financiará un máximo de 600 euros e os concellos, 200 euros máis. De todos os xeitos, o executivo provincial e os municipais axudarán a aquelas persoas que precisen entrar nas residencias, sempre en función da capacidade económica.

Así o avanzaba esta mañá a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, quen informou destes convenios específicos e o cofinanciamento aos maiores da provincia das 98 prazas de residencia e centro de día que en total ofrecen estas instalacións sociais co obxectivo de que todos os lucenses teñan acceso ás mesmas con independencia da súa situación económica.

García Bermúdez explicou que os convenios reflicten unha achega anual da Deputación duns 1,6 millóns, pois son 805.601 euros para o funcionamento e o cofinanciamento das prazas do centro de maiores de Trabada e 841.948 euros para o de Ribadeo.

O prezo público das prazas, é dicir, o que lle custa á Deputación e aos Concellos, é de 1.390 euros/mes para dependentes en residencia, 1.080 para non dependentes en residencia e 550 a xornada completa en centro de día. Estes non son os custos das prazas para os usuarios, pois o que pagarán polas mesmas os maiores da provincia calcularase atendendo aos seus ingresos e ao seu patrimonio, deixándolles sempre marxe económica para os seus gastos diarios ou fixos.

Para elo, a Deputación cofinanciará as mesmas nun 75% e os Concellos nun 25%. Por parte do organismo provincial, isto supón ata 600 euros/mes para a praza de residencia e de 200 euros/mes para a xornada completa en centro de día. Se estes fondos non foran suficientes para o usuario, a Deputación asumirá a cantidade restante ou o déficit para a praza nos centros de Concellos de menos de 5.000 habitantes, como é o de Trabada; e os propios municipios cando superen dita poboación, como é o caso de Ribadeo.

A Deputación cofinancia as prazas a todos os maiores da provincia. Os Concellos aos veciños do seu municipio.
O centro de Trabada ofrece 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. O de Ribadeo 48 de residencia. Isto supón unha suma de 98 prazas. Tal e como recollen os regulamentos que xa aprobaron os Concellos nos Plenos municipais, teñen prioridade de acceso ás prazas primeiro os veciños do propio municipio onde se sitúa o centro, logo os da bisbarra e seguidamente lucenses en xeral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com