Esta mañá tivo lugar a inauguración do centro para maiores que Deputación e Concello construíron no municipio de Trabada que conta xa con 19 usuarios. No acto participou a deputada e rexedora municipal en funcións, Mayra García Bermúdez, e o deputado en funcións, Lino Rodríguez Ónega, acompañados doutras autoridades así como de veciños do Concello e da bisbarra interesados por coñecer as instalacións e servizos que ofrece esta dotación social. Dos 19 usuarios, 12 xa están desfrutando dos servizos do centro e 7 farano ao longo da vindeira semana.
Do total, 12 son veciños de Trabada, 2 de Viveiro, 2 de Lourenzá, 2 de Cervo e 1 de Foz, que teñen entre 70 e 98 anos de idade e que destinan á súa praza dende os 0 euros, dunha veciña que non cobra ningún tipo de prestación, ata os case 1.200 euros.
García Bermúdez explicou que “hoxe é un día de celebración e alegría para os veciños de Trabada, así como para os da Mariña, pois despois de varios anos por fin culminamos cun dos proxectos máis importantes para o futuro da provincia. Dende o Goberno da Deputación decidimos construír na provincia unha rede de residencias e centros de días públicos para os nosos maiores pois existe unha necesidade real de desenvolver este tipo de servizos. A través destes proxectos, facemos fronte a un dos principais problemas aos que nos enfrontamos en Lugo é o envellecemento da poboación que, engadido á dispersión no territorio, produce o éxodo do rural cara o urbano e reduce o crecemento demográfico”.
A Rexedora informou que “as incorporacións vanse facendo pouco a pouco para respectar o período de adaptación das persoas, para non masificar o centro de golpe. Por iso, procuramos que o mesmo día non entre un volume moi elevado de usuarios, senón que vaian accedendo de forma escalonada para que se poidan ir coñecendo e a adaptación sexa o máis sinxela posible”.
O prazo de solicitudes para acceder ao centro de Trabada continúa aberto. O proceso de valoración estano a desenvolver traballadores sociais do Concello e Deputación, que avalían as necesidades e situación de cada maior para establecer o prezo en función da súa capacidade económica, pois fixouse que sempre conten cun 25% dos seus ingresos libres para o seu día a día. Os interesados poden solicitar toda a información e formalizar as súas solicitudes a través do propio Concello.