A presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), Míriam Rodríguez e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, veñen de asinar un convenio para pór en marcha a Quenda de garda social permanente para mulleres vítimas de violencia, os seus fillos e fillas menores e as persoas dependentes que teñan a cargo. Dita quenda pioneira ten como obxectivo unha intervención especializada e inmediata desde o traballo social para as vítimas de violencia machista.
Desde a Xunta de Goberno do COTSG consideran “fundamental” que unha muller “que vén de sufrir unha violencia continuada e se atopa nunha situación urxente poida contar cun ou cunha traballadora social que proporcione o acompañamento adecuado e aporte seguridade e apoio nese intre de crise”.
Pola súa banda, Rueda sostivo que “en cumprimento do pacto de Estado contra a violencia de xénero estamos creando un equipo multidisciplinar que cubra desde a prevención ata a atención”.
O convenio recolle que esta quenda de garda é un servizo público de balde para as mulleres e menores a quen vai dirixido. O perfil de usuario é calquera muller, menores ao cargo e persoas dependentes ao seu cargoque sufran violencia de xénero, que se atope nunha situación de urxencia derivada da situación de violencia de xénero dentro do contexto dunha actuación policial ou xudicial e que solicite a atención voluntariamente tras ser informada de este recurso. Desde a Xunta de Goberno do COTSG califican de “acerto” que a Xunta “conte co perfil do ou da profesional do Traballo Social para este servizo”. Porén subliñan a importancia de “incrementar a presenza deste perfil nos servizos de atención á muller e vítimas de especial vulnerabilidade”.