O Concello de Lugo está a levar a cabo unha serie de actuacións de conservación e actualización no parque Rosalía de Castro, para a posta a punto deste emblemático espazo da cidade. Estes traballos, que se enmarcan dentro do Plan Director para esta dotación, teñen por obxectivo, mellorar a imaxe da zoan verde referente da cidade. Entra as tarefas acometidas destaca a limpeza con máquinas de auga a presión e o arranxo de mobiliario urbano, como os xogos infantís do parque, a ponte sobre o estanque, as fontes, o aseo, a eliminación de pintadas e grafitis e a retirada de contedores deteriorados.
De xeito paralelo, estase a levar a cabo un traballo de supervisión da vexetación, tanto da que se atopa na zona perimtral como a dos distintos parterres para evitar pragas e planificar a reposición de exemplares.
Ademais das tarefas de limpeza, control da vexetación e arranxo do mobiliario urbano, outra das actuacións máis importantes permitirá dar unha solución definitiva a unha das columnas que decoran a balaustrada, un elemento de estilo art déco con case un século de vida, que foi danado despois de que un conductor chocara o seu vehículo contra este farol da balaustrada. Trátase dunha columna duns tres metros de altura que rematan nun farol, cuxa obra de restauración licitarase proximamente.
Entre outros aspectos, a recuperación da balaustrada e da columna contempla a limpeza, o reforzo e a protección do acero, ao que seguirán os procesos de imprimación, aplicación do recheo e dun tratamento protector. A balaustrada é un dos elementos distintivos deste parque xunto á pérgola, e ambos os dous son obxecto de pintadas de xeito frecuente, polo que as intervencións do Servizo Municipal de Limpeza tamén son habituais. Nestes días, e dentro de este plan de renovación e conservación do parque, tamén se está a intervir para a retirada deses grafitis e devolver o estado primixenio a todos estes elementos distintivos do parque.