Tráfico inicia hoxe unha campaña especial para a prevención de atropelos, que consistirá nun incremento da vixilancia e control dos peóns en estradas, así como na entrega de chalecos reflectantes a aqueles camiñantes que estando obrigados a levalo por falta de visibilidade ou meteoroloxía adversa, non fagan uso de ningún tipo de elementos que garantan a súa visibilidade.
Un dos obxectivos prioritarios da DXT en Galicia é a protección dos usuarios máis vulnerables na estrada, os peóns, tendo en conta o peso que teñen os atropelos mortais nos accidentes interurbanos na nosa comunidade.
No ano 2014 faleceron en estradas de Galicia 17 peóns, o que representa algo máis do 15% do total de falecidos.
Galicia sempre foi unha comunidade moi afectada por mor da dispersión da poboación e pola pouca visibilidade nos meses de inverno. Tamén o verán eleva a incidencia nos atropelos por causa da infinidade de festas e romarías que se celebran ao longo e ancho do país.