A subdelegada, xunto co xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, e o tenente Daniel Moro, xefe do destacamento de Tráfico da Garda Civil en Monforte, presentou na estrada N-640, na saída da cidade de Lugo, a campaña de concienciación e o dispositivo de vixilancia organizado pola Dirección Xeral de Tráfico para o período estival na provincia.
Isabel Rodríguez pediu aos conductores “a máxima atención e cautela nas súas viaxes por estrada, que este verán se prevén menos numerosas e máis curtas por mor da pandemia do coronavirus”. A subdelegada lembrou que, de feito, “na provincia de Lugo, a maioría das vítimas de accidentes de circulación rexístranse en estradas convencionais e precisamente en desprazamentos de curta ou media distancia”.
Pola súa parte, o xefe de Tráfico destacou que “comezamos un verán condicionado pola pandemia que afectou e está a afectar ao noso país e ao mundo, entre o desexo de alcanzar a nova normalidade e a necesidade de manter precaucións para evitar máis contaxios e en definitiva máis sufrimento”.
As operacións especiais de verán.
• Primeira Saída Operación Verán: do venres 3 de xullo ata ao domingo 5 de xullo.
• Saída Primeiro de agosto: venres 31 de xullo ata o domingo 2 de agosto.
• Operación Especial 15 de agosto: do venres 14 ao domingo 16 de agosto.
• Retorno do Verán: do venres 28 de agosto ata o luns 31 de agosto.
Como todas estas operacións coinciden con fin de semana, nas que a intensidade de vehículos é maior, recoméndase planificar as viaxes evitando os días e as horas de maior afluencia para non atopar retencións de saída das grandes cidades.
Tanto a DXT como a Agrupación de Tráfico da Garda Civil utilizarán na vixilancia e regulación do tráfico todos os medios persoais e materiais dispoñibles, entre eles drons de vixilancia e furgonetas non rotuladas.
Ademais, retómase o calendario de campañas de intensificación da vixilancia que se suspenderon polo estado de alarma. Durante estes dous meses realizarase unha campaña de velocidade (do 6 ao 12 de xullo), outra centrada nas motocicletas e unha última de alcol e drogas ao volante.