Tres accidentes con feridos esta fin de semana en Lugo

A Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo acudiu na tarde do venres a dous accidentes de circulación nos que se rexistraron feridos.

O primeiro rexístrase nas inmediacións da vella depuradora, no paseo de Ombreiro, onde un turismo e unha motocicleta chocaron. O condutor da moto resultou ferido, polo que foi trasladado por unha ambulancia do 061 ao HULA para a súa valoración, aínda que non revestía gravidade. Os vehículos forton retirados polos guindastres de asistencia, levantado o correspondente atestado o equipo instrutor.

O segundo accidente rexístrouse nas inmediacións do parque infantil da Fonte dos Ranchos, cando unha nena de dous anos, acompañada pola súa nai, soltoulle a man invadindo o carril de circulación. Lamentablemente foi alcanzada por un vehículo que a golpeou nun costado, derrubándoa ao chan, polo que foi trasladada en ambulancia ao HULA para a súa atención médica.

Na tarde do domingo un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprazouse á rúa Santo Grial xa que se producira un accidente de circulación no que un turismo accedeu á vía desde a rúa Madreselva sen respectar a prioridade de paso establecida por un sinal vertical de STOP. O resultado foi un choque contra unha motocicleta, cuxo condutor foi ferido, aínda que en principio con prognóstico leve. Foi trasladado por unha ambulancia a un centro médico da cidade.

Fin de semana de controis

Durante a fin de semana intensificáronse os controis integrais de alcoholemia, drogas e velocidade en diversas vías do centro urbano, no que participaron efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co apoio de equipos da Unidade de Atestados do Corpo.

En total detectáronse nove infraccións por bebidas alcólicas, das cales oito tiveron como resultado multas de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución a cada condutor; e unha acabou coa apertura dun expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Tamén se multou con 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso a tres persoas que conducían con presenza de drogas no seu organismo. Un condutor foi detectado na rúa Santiago, tras presentar signos de consumir substancias estupefacientes. Foi sometido a un test de drogas, lanzando un resultado positivo en cocaína e THC. Outro condutor foi detectado na rúa San Roque, cun resultado positivo en THC. O último, tamén cun positivo en cocaína e THC, foi descuberto na rúa Rei don García.

En canto a controis de velocidade, foron sometidos ao radar 234 vehículos, dos cales foron denunciados 41 por superar os límites legais de velocidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com