A fundación Eira da Xoana da asociación ecoloxista ADEGA, Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo pretenden adquirir, recuperar, estudar e protexer unha parcela situada ao carón da Fraga de Santo Estevo do Ermo, en Barreiros. Nesta parcela atópanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo, o seu antigo cemiterio e as ruínas das cabanas das eremitas que habitaron esta máxica fraga. Para poder adquirir esta parcela, actualmente plantada de eucaliptos, requírese da colaboración e axuda económica da comunidade.
Santo Estevo do Ermo é unha pequena fraga situada no medio do extenso eucaliptal no que se converteu a Mariña Lucense. Esta fraga, localizada no Concello de Barreiros, está moi ben conservada, grazas ao esforzo e traballo dun grupo de veciñanza asociada na Irmandade Santo Estevo. Santo Estevo é un oasis de especies autóctonas cunha rica biodiversidade tanto de fauna como de flora, que inclúen fentos pouco comúns, ameazados e vulnerables.
O lugar está atravesado por un río que forma unha fermosa fervenza ou “revertedoiro”. Neste sitio, tamén coñecido como Augas Santas, hai dúas fontes milagreiras: a de Santa Rosa e a do Ferro, ás que desde tempos inmemoriais acoden centos de persoas para curar diversos males. Neste máxico lugar atópase, segundo a tradición, unha rocha coas pegadas do cabalo do apóstolo Santiago e máis unha capela “nova”, arredor da cal se celebran importantes romarías.
A parcela que se pretende mercar actualmente é un eucaliptal, pero neste sitio, baixo un impresionante abrigo rochoso, consérvanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo do Ermo, posiblemente de cronoloxía moi antiga e que puido cristianizar un lugar previamente sagrado. Segundo a documentación conservada, nesta parcela erguíanse as cabanas onde vivían as eremitas e un antigo cemiterio de orixe medieval. Nun extremo da parcela tamén se atopa un “cuncheiro” onde, ademais de cunchas, apareceron ósos e cerámica medieval.
O obxectivo das citadas asociacións é mercar o terreo, eliminar os eucaliptos, recuperar a fraga, realizar estudos arqueolóxicos e valorar a posibilidade de levar a cabo unha escavación. Para adquirir a finca, comezar os traballos de recuperación e realizar unha primeira prospección arqueolóxica, necesitaríanse 6000 euros. A compra realizaríase a nome da Fundación Eira da Xoana, que está constituída como fundación e recoñecida como de interese galego.