Unha colisión entre un camión caixa e un turismo nas proximidades da Pontenova saldouse con tres falecidos. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, as vítimas mortais viaxaban no coche accidentado.
O 112 Galicia tivo constancia do sinistro, que sucedeu no punto quilométrico 23,900 da N-640, a través do 112 Asturias ás 15:55 horas.
Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Barreiros, da Garda Civil de Tráfico e do GES da Pontenova.
Xa no lugar dos feitos, os efectivos do servizo sanitario nada puideron facer por salvar a vida dos tres homes.