Tres organizacións agrarias galegas -Sindicato Labrego Galego, Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias- ofreceron hoxe unha rolda de prensa para anunciar que Vilalba será escenario de mobilizacións do sector lácteo o vindeiro 20 de agosto, “unhas mobilizacións que serán convocadas e apoiadas por tódalas organizacións, colectivos, cooperativas e empresas que formamos parte da Plataforma e Defensa do Sector Lácteo Galego”.
Na rolda de prensa participaron Margarida Prieto Ledo, por parte do SLG; Juan Pérez Orozco, de XXAA; e Julio Guntín, de UUAA. As mobilizacións consistirán nunha concentración de tractores, unha marcha polas rúas de Vilalba e o peche solidario do comercio local chairego.
Previamente, o día 12 de agosto, a Plataforma manterá unha xuntanza preparatoria ás 11:30 horas, no hostal restaurante Terra Chá. Dende as tres organizacións agrarias animan a participar nesta xuntanza a todas as cooperativas da comarca, alcaldes, concelleiros, empresas de servizos, profesionais relacionados co sector para concretar os detalles da convocatoria e difundila.
Na Terra Chá prodúcese o 48% do leite da provincia de Lugo de onde á súa vez, sae a metade do leite galego.