Turismo de Galicia repara os danos causados no Camiño Francés polo último temporal

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou hoxe 11 convenios de colaboración cos alcaldes dos concellos polos que discorre o Camiño Francés. Coa súa sinatura, o Goberno galego mobiliza un investimento de preto de 360.000 euros para levar a cabo actuacións urxentes de reparación no Camiño Francés debido aos danos causados polas choivas e os temporais dos últimos meses.

A Xunta de Galicia achegará o 77% dos fondos necesarios para desenvolver estas accións, mentres que o restante será aportado polos concellos. Esta actuación permitirá que estea en perfectas condicións ante a tempada estival, cando se recibe maior volume de peregrinos. “O Camiño de Santiago é unha obra en permanente mellora, un espazo vivo. Por iso, desde Turismo de Galicia acondicionamos os tramos que se van deteriorando co paso do tempo e actuamos con especial énfase cando, como neste caso, as condicións meteorolóxicas dun inverno moi duro afectan ao trazado”, sinalou Nava Castro a propósito desta sinatura.

En concreto, os convenios beneficiarán aos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso e Palas de Rei, na provincia de Lugo, e Melide, Arzúa e O Pino, na provincia da Coruña. Afóndase deste xeito no amplo compromiso de cooperación do Goberno autonómico cos concellos do itinerario xacobeo máis percorrido.

O Camiño Francés, que o vindeiro outono cumprirá 25 anos desde a súa declaración como Patrimonio Mundial pola Unesco, segue a ser o favorito dos peregrinos. Dos preto de 64.000 que recibiron no que vai de ano a Compostela, o 56,6% procedía do Camiño Francés.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com